19 de xaneiro de 2023. Os deputados galegos do Partido Popular no Congreso reclaman ao Goberno central medidas para solucionar as molestias e os prexuízos que xeran aos usuarios os atrasos dos trens que operan no Eixo Atlántico, así como a posta en marcha de servizos lanzadeira nas liñas A Coruña-Santiago e Vigo-Santiago para ofrecer máis frecuencias en días e horas puntas.
Fano a través dunha dobre pregunta que veñen de rexistrar na Cámara Baixa coa que pretenden que Renfe aclare as causas detrás das “recorrentes” demoras que acumulan os servizos ferroviarios de media distancia que percorren o Eixo Atlántico, especialmente os venres e domingos pola tarde e os luns pola mañá. Días nos que, segundo os populares, os desprazamentos de traballadores e estudantes son “masivos”.
“O 2023 comeza como rematou o 2022: dando continuidade aos recorrentes atrasos que tantos prexuízos e molestias están xerando aos usuarios ferroviarios de Galicia”, asegura neste sentido o deputado ourensán Celso Delgado.
O vicevoceiro de Infraestruturas do Grupo Popular no Congreso faise eco así do “descontento xeralizado que diariamente trasladan as plataformas de usuarios e os medios de comunicación”, ao tempo que plantexa a posibilidade de que Renfe programe nos días e horas puntas uns servizos ferroviarios de tipo lanzadeira entre A Coruña-Santiago e Vigo-Santiago “cos que se ofrecerían máis frecuencias e mellor servizo”.
“Todos podemos entender a existencia de atrasos puntuais, pero non é admisible que se convertan en atrasos programados e inevitables”, denuncian os populares. Consideran que “os usuarios non teñen a obrigación de aceptar estas demoras” e polo tanto esixen da operadora ferroviaria que reaccione e busque solucións de inmediato. “Non cabe apelar á resignación do usuario”, conclúen.