14 de febreiro de 2023. O Grupo Popular demandará no Pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana a posta en marcha dun Plan galego fronte ás condutas aditivas, así como que se dea continuidade á aplicación das medidas para a recolección, produción e xestión da mexilla, asegurando o entendemento entre o sector percebeiro e bateeiro.
A sesión plenaria inclúe, ademais, a comparecencia a petición propia do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación para informar sobre a situación e perspectivas do desenvolvemento eólico en Galicia.
En primeiro lugar, o Grupo Popular pedirá á Xunta a elaboración dun Plan galego fronte ás condutas aditivas, diante do reto que supón a loita contra as adicións, o aumento da prescrición de medicamentos con potencial aditivo, a normalización social do consumo de sustancias ilegais, o consumo de alto risco de alcohol en adolescentes ou a baixa percepción do risco sobre o consumo.
Pedro Puy salientou o compromiso da Xunta coa prevención das adicións, e mostra disto é que os orzamentos para 2023 recollen un incremento da partida para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con adicións”.
DIÁLOGO ENTRE BATEEIROS E PERCEBEIROS
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular solicita dar continuidade á aplicación das medidas propostas para a recolección, produción e xestión da mexilla, especialmente daquelas dirixidas á disposición de áreas con presenza deste produto e da análise das causas que poden afectar á súa fixación e existencias. Así mesmo, pídese continuar o diálogo entre bateeiros e percebeiros para que ambas actividades se desenvolvan de xeito coordinado e en igualdade de condicións, asegurando o entendemento e beneficio mutuo dos intereses das dúas partes.
Dentro do apartado de preguntas, o Grupo Popular cuestionará ao Goberno galego sobre a xestión dos fondos europeos por parte do Goberno de España; o desenvolvemento das obras no centro de saúde da Milagrosa en Lugo; e os investimentos previstos para facilitar a conciliación das familias galegas.