30 de marzo de 2023. A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez criticou hoxe no Parlamento galego que BNG e PSdeG “queiran dar leccións ao PPdeG de apoio ao tecido empresarial cando son os maiores inimigos da empresa e a industria galega”.
Así, concretou que a Xunta “está a poñer a disposición da nosa industria todos os incentivos e todas as medidas de acompañamento necesarios para revitalizar a nosa economía” e, a modo de exemplo, citou os 360 millóns de euros que se dedican á política industrial, unha axenda financeira de 140 millóns de euros ou a dotación de espazos funcionais a través da nova Lei de áreas empresariais.
Noelia Pérez amosou a súa sorpresa porque o BNG “pida un pacto pola industria, cando non creen na súa compatibilidade coa protección do medio ambiente e están a buscar permanentemente a confrontación social dentro e fóra deste Parlamento”. “Todas as empresas que operan en Galicia son perfectamente capaces de compatibilizar a creación e o mantemento de postos de traballo de calidade co respecto á contorna natural”, asegurou.
SEGUIR NA MESMA LIÑA
Ademais, lamentou que “tampouco creen na iniciativa privada, porque están nunha constante campaña de acoso e descrédito ás empresas, e sobre todo ás grandes empresas como Inditex, Ence ou Mercadona; pero tamén contra sectores como o enerxético ou o mineiro, ámbitos nos que Galicia ten un gran potencial para xogar un papel estratéxico en España e Europa”.
“O Goberno galego seguirá traballando na liña que mantén de apoio ás empresas asentadas en Galicia”, afirmou a deputada popular, quen apuntou que “o único que poden facer PSdeG e BNG é presionar ao Goberno de Pedro Sánchez para que mobilice a totalidade de fondos europeos para que cheguen con axilidade e transparencia aos proxectos tractores de Galicia e tamén ás pequenas empresas”. Neste sentido, recordou que o Goberno central “reservouse a totalidade dos fondos para a industria: 41.000 millóns de euros, dos que a día de hoxe só ten adxudicados o 16 por cento”.