30 de marzo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a continuar coa implantación dos plans locais de saúde en todo o territorio galego, que na actualidade xa chegan a 43 centros de saúde de toda Galicia.
A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo explicou que estes plans locais de saúde “permiten a transformación da atención primaria no que se refire á mellora sanitaria da poboación e da eficiencia do servizo, así como á satisfacción dos profesionais e o incremento da calidade e experiencia do paciente, conseguindo impactos sociais e sanitarios duradeiros que melloren e permitan acadar o ansiado modelo centrado nas persoas”.
FERRAMENTA FUNDAMENTAL
“Os plan locais de saúde son unha ferramenta fundamental para conseguir ese novo modelo de atención primaria que sexa capaz de adaptarse ás características de cada territorio e que tamén permita ofrecer unha mellor resposta ás necesidades da poboación”, apuntou.
Rodríguez-Vispo destacou que “os usuarios valoraron cun notable a mellora da atención sanitaria que tivo a implantación destes plans nos 14 primeiros servizos de atención primaria”, poñendo como cuestións con maior puntuación a empatía e bo trato dos profesionais, o tempo de dedicación e a intimidade da información. Ademais, subliñou que diminuíu notablemente a porcentaxe de queixas, situándose por baixo do 1 por cento.