20 de xuño de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno de España para que defenda ante a Comisión Europea a exclusión total do atún do Acordo de Libre Comercio con Tailandia e, por tanto, do proceso de liberalización arancelaria; e se establezan de normas sólidas e equitativas que garantan a igualdade de condicións que evite a competencia desleal.
O deputado popular José Manuel Balseiro asegurou que a conserva galega “non ten medo a competir nos mercados internacionais, pero para iso debemos falar en termos de sa competencia”. Neste sentido, explicou que a Comisión Europea pretende relanzar as negociacións comerciais con Tailandia, “un acordo que suporá unha apertura do mercado comunitario aos produtos de atún tailandés e provocaría un golpe letal para a industria galega e española de conservas de peixe e marisco”.
MÍNIMO EQUILIBRIO COMPETITIVO
“É necesario asegurar un mínimo equilibrio competitivo no comercio de produtos da pesca con Tailandia, sen comprometer así a supervivencia da industria transformadora galega e española, e contribuíndo a facer realidade os obxectivos que persegue o plan estratéxico para o sector da conserva en Galicia 2022-2030”, sinalou.
Balseiro concretou que, “se as conservas tailandesas queren chegar ao noso mercado deben cumprir as mesmas normas económicas, ambientais, sanitarias, de seguridade e de calidade da Unión Europea, ao tempo que respectan todas nas normas, incluída as relativas ao uso de hormonas, antibióticos, praguicidas e modificacións xenéticas”.
O Partido Popular está a levar adiante unha ofensiva a distintos niveis para defender unha industria que en España deu emprego o pasado ano a 20.000 persoas, máis da metade en Galicia. Así, ademais da proposición non de lei aprobada hoxe no Parlamento galego, estanse realizando actuacións nas institucións europeas, con iniciativas na Comisión de Asuntos Exteriores para pedir que as negociacións con Tailandia non afecten aos intereses da industria conserveira.