26 de xuño de 2023. O Grupo Popular vén de rexistrar no Parlamento de Galicia a proposición de lei, para a súa remisión ao Congreso dos deputados, de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Xunta de Galicia, unha vez que o texto lexislativo que se estaba a tramitar na Cámara Baixa decaeu a consecuencia da convocatoria de eleccións xerais para o vindeiro 23 de xullo.
A proposición de lei rexistrada polo Grupo Popular considera necesaria e imprescindible a transferencia da AP-9 a Galicia, sempre en termos de igualdade co resto do territorio español, que permita unha xestión máis directa e máis pegada ao territorio e que levará implícita unha maior sensibilidade que redundará nunha mellora da calidade do servizo.
O texto consta de tres artigos, dúas disposicións adicionais e unha disposición final. Así, no artigo primeiro establécese a transferencia da AP-9 á Comunidade Autónoma de Galicia e detállanse as funcións e servizos que pasan a ser de titularidade autonómica, así como as obrigacións que asume a Administración Xeral do Estado.
No artigo segundo fíxanse as condicións do traspaso de servizos, que deben contar cos medios materiais, humanos e orzamentarios necesarios, instrumentándose mediante acordo da Comisión Mixta de Transferencias entre o Estado e Comunidade Autónoma de Galicia e o correspondente real decreto de traspaso de servizos.
O artigo terceiro regula o procedemento para a formalización do cambio de titularidade da estrada, mediante a correspondente acta de entrega e recepción.
Por último, na disposición adicional primeira regúlase a baixa desta infraestrutura como integrante da Rede de Estradas do Estado e na disposición adicional segunda aclárase que este traspaso non modifica as funcións e servizos reservados ao Estado no que se refire ao control das fronteiras. Finalmente, a disposición derradeira única establece que a entrada en vigor da disposición legal se producirá ao día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial do Estado.