A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, puxo hoxe en valor a “novidosa” medida anunciada esta semana polo presidente Alfonso Rueda de implantar un bono de 120 euros para rapaces e rapazas federados de entre 6 e 16 anos. Unha achega que chegará a máis de 130.000 fogares e que “vai axudar ás familias a que os máis pequenos da casa se mentalicen en levar a cabo unha vida saudable e tamén incentivará as compras no comercio galego”.
En declaracións aos medios antes de reunirse co coordinador de Deportes do PPdeG, Daniel Benavides, e coa voceira de Deportes do Grupo Popular no Parlamento, Lupe Murillo, para abordar a situación da actividade física e do deporte galego, a número dous dos populares reivindicou a implicación da súa formación á hora de transmitir a importancia da práctica deportiva para evitar o sedentarismo.
Algo que se demostra, entre outras cousas, en que Galicia sexa pioneira e a única comunidade de España que paga o seguro deportivo a todos os rapaces e rapazas federados de 6 a 16 anos. “Unha vez máis, as familias terán ao seu carón ao Goberno galego para afrontar gastos que son imprescindibles neste curso. Porque no PPdeG, primeiro escoitamos as necesidades e despois poñemos en marcha a executamos medidas”, indicou Prado ao respecto.
Cómpre indicar que apenas pasaron 48 horas desde que se anunciou o bono deportivo da Xunta e un gran número de familias xa preguntaron por el e mostrar o seu interese en empregalo cando sexa posible.
O GOBERNO GALEGO XA TRABALLA NOS ORZAMENTOS A PESAR DE SÁNCHEZ
Paula Prado explicou que esta medida estará recollida nos Orzamentos de 2024, nos que o Goberno galego xa traballa para “poñer en marcha todas as medidas posibles que favorezan e axuden ás familias a saír adiante nestes momentos complicados”.
O feito de que o goberno que preside Alfonso Rueda estea xa traballando nas súas Contas a pesar das incertezas en materia de financiamento autonómico xeradas polo Goberno central, é unha mostra de que Galicia sigue sendo unha illa de estabilidade e de sentidiño, co presidente Rueda á fronte, fóra do ruído que Sánchez e os seus socios pretenden estender por toda España.
“Á oposición galega, o PSdeG e o BNG, lle iría mellor defender a Galicia fronte a Sánchez que criticar unha gran e necesaria medida como é o bono deportivo”, apuntou a secretaria xeral do PPdeG.