A secretaria xeral do PPdeG puxo hoxe en valor a medida impulsada esta semana polo Goberno galego de rebaixar o imposto de transmisión de vehículos de segunda man: “Unha medida pensada desde o sentidiño e para as familias, na liña de continuar achegando cartos aos petos dos cidadáns”.
Nunha visita ao concesionario Vayper Automoción en Santiago de Compostela, salientou que Galicia convértese así na comunidade con este imposto máis baixo en toda España e “non por casualidade”, xa que ao longo desta Lexislatura “os galegos levan aforrado máis de 1.200 millóns de euros en impostos”.
Contrapuxo neste sentido a política de “axudar ás familias aliviando os seus gastos neste contexto de inflación desmesurada” do Goberno de Alfonso Rueda fronte á “subasta millonaria aos independentistas na que o Goberno de España está instalado só para garantir a investidura de Pedro Sánchez”.
Referíndose ás negociacións de Pedro Sánchez cos independentistas, Paula Prado reprochou ao BNG estar “reducido á irrelevancia”, xa que “o mesmo día das eleccións xerais comprometeron o seu voto favorable a Sánchez a cambio de nada a Galicia”.
A número dous dos populares galegas criticou o “desprezo” co que o Goberno do Estado leva tratando a Galicia ao longo destes anos no ámbito das infraestruturas e os transportes: “Non lles chega con adiar a data de chegada dos trens de Alta Velocidade ás cidades galegas, senón que agora coñecemos tamén que non queren transferir a autopista AP-9 a Galicia”.
“O PSOE non quere que os galegos xestionemos directamente a infraestrutura máis importante de Galicia. Prefiren que se xestione desde un despacho de Madrid”, afirmou ao tempo que insistía en que “máis Sánchez significa menos Galicia” e aseguraba que desde o PPdeG seguirán traballando “para que haxa menos Sánchez e máis Galicia”.
Prado pediu a Pedro Sánchez que “diga con quen está pactando, a cambio de que, e se esas sumas millonarias que estamos escoitando que van ir a Cataluña van prexudicar a Galicia”.
“Nós non queremos máis que ninguén, pero non imos consentir que Galicia reciba menos que outros territorios. Por iso imos seguir loitando para que haxa menos Sánchez e máis Galicia”, concluíu.