A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, reivindicou hoxe na Veiga o compromiso do PPdeG co rural e coa comarca de Valdeorras, no marco da III Exposición Agrogandeira de Trevinca, Crianza Trevinca, que se celebra esta fin de semana no concello da Veiga.
Na súa primeira visita á Veiga desde que é secretaria xeral, felicitou ao alcalde, Juan Anta, pola exemplar xestión do seu municipio, que o levou a acadar máis dun 76% nas últimas eleccións locais e 6 dos 7 concelleiros. Un resultado que, segundo a número dous dos populares galegos, demostra que o PPdeG está apegado ao territorio en toda Galicia, liderando cidades como Ferrol ou, no outro extremo da Comunidade, acadando varias maiorías fortes na comarca de Valdeorras.
De feito, o PPdeG goberna neste momento en Galicia en preto do 60% dos concellos de menos de 5.000 habitantes, que se benefician día a día dunha xestión pensada por e para o rural, desde a estabilidade, o rigor e o sentidiño que nos caracteriza.
Prado exemplifica isto coas medidas do Goberno de Alfonso Rueda para facilitar o asentamento e os servizos no rural, como son as casas niño, as casas do maior, a política de impostos cero no rural, os polos de emprendemento, as axudas ao agro, as concentracións parcelarias ou os preto dun cento de centros de saúde renovados.