O PPdeG estrea hoxe o seu vídeo de Nadal, no que o presidente Alfonso Rueda se pon ao volante do autobús de ‘Galicia non para!’ para recoller nel a todos os galegos e galegas e demostrar así que no seu proxecto todos teñen cabida.
Ao longo do vídeo, o líder dos populares galegos vai percorrendo toda Galicia –desde as zonas do interior ata a costa– e durante o seu traxecto atópase con toda clase de personaxes: maiores, mozos, cativada, un dos famosos ‘Mozos de Arousa’ do concurso televisivo ‘Reacción en cadena’, os membros de El Combo Dominicano e ata un curioso ‘Puigdemont’ que fai autostop no seu camiño cara a Moncloa.
Non podía faltar tampouco un dos cameos que xa se converteu en tradición neste vídeo como é o do presidente de honra do PPdeG, Mariano Rajoy, que volve atoparse co presidente Rueda mentres camiña e o saúda cun “Galicia Rueda!”. Ademais, tamén aparece o presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, e faise referencia a unha das expresións que marcaron o curso político.
Aparecen tamén a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e os catro presidentes provinciais do partido: Diego Calvo (A Coruña), Elena Candia (Lugo), Luis López (Pontevedra) e Luis Menor (Ourense), que forma parte do elenco por primeira vez. Todos eles, xunto ao presidente Alfonso Rueda, aproveitan para desexar aos galegos unhas boas festas e un feliz 2024.
O presidente do PPdeG amósase máis familiar ca nunca, compartindo escena coas súas dúas fillas, ás que transmite o seus desexo para o Nadal: “Este ano pido un autobús tan grande como Galicia, no que caibamos todos. Porque Galicia non para e neste Nadal tampouco”.
Os populares galegos aproveitan así o éxito que colleitou ao longo dos últimos meses o autobús que puxeron en marcha co obxectivo de que o presidente Rueda puidese percorrer a comunidade e manter un contacto directo cos galegos e as galegas para afondar así nas súas preocupacións reais. Un obxectivo ao que se une tamén a páxina web rueda.gal, a través da cal os galegos e galegas que o desexen poden trasladarlle ao presidente todo aquelo que lles preocupa, o que vai ben e o que cren que pode mellorar.