O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, criticou hoxe a “mandíbula de cristal que teñen os socialistas, e particularmente Pedro Sánchez, aos que lles gusta parecer vítimas para, deste xeito, intentar conseguir algún beneficio político e a condescendencia dos cidadáns ante as súas presuntas fechorías”. Neste sentido, manifestou que “os galegos debemos amosar o noso orgullo e satisfacción pola estabilidade política da que gozamos en Galicia, cun goberno que traballa e que só busca o benestar de todos os galegos”.
Alberto Pazos afirmou, ante o “retiro de meditación” que decidiu facer o Presidente Sánchez, que “estamos diante dunha decisión sen precedentes na política española, asumindo unha deixación de funcións e irresponsabilidade total por parte de quen preside o Goberno de España”. Neste sentido, explicou que “Pedro Sánchez ten un problema xudicial ao atoparse a súa muller nun proceso xudicial por presunto tráfico de influencias e corrupción de negocios, e coa súa decisión converte a todos os españois en telespectadores do seu melodrama, degradando aínda máis a nosa democracia e as nosas institucións”.
EXEMPLOS QUE AFECTAN AO PP
Os socialistas “son libres de lanzar bulos e sospeitas sobre calquera político ou os seus familiares que non sexan da súa cor, pero son incapaces de aceptar unha soa crítica ou denuncia sobre as súas actuacións sospeitosas”, manifestou o portavoz popular, quen indicou que “todo o que supoña un cuestionamento legal ou ético das súas actividades é xogo sucio, pero en cambio para eles todo vale con tal de atacar a imaxe e a credibilidade do Partido Popular e dos seus representantes”.
Neste sentido, lembrou que “temos moitos exemplos que nos afectan directamente ao PP de Galicia” e citou o caso das denuncias realizadas sobre as supostas contratacións da Xunta coa empresa na que traballaba a muller do ex presidente Feijóo, que resultaron totalmente faltas e o medio que publicou a información tivo que rectificar posteriormente; as constantes alusións aos contratos asinados pola Xunta coa empresa na que traballa a irmá tamén do ex presidente da Xunta; os supostos beneficios dos contratos asinados pola empresa do marido da nosa secretaria xeral coa Xunta de Galicia; ou o cuestionamento das actividades dunha empresa porque nela traballa un cuñado do ex presidente da Xunta.
“Non fai falta ir moito atrás para comprobar como desde o BNG e o PSdeG se utilizan estas artimañas, que tanto lles doen cando van na súa contra”, sinalou Alberto Pazos, quen recordou que “no último Pleno deste Parlamento, celebrado esta mesma semana, os grupos da oposición incorporaron nas súas intervencións continuas referencias á parentes e familiares do ex Presidente da Xunta”.
Así, demandou que, “do mesmo xeito que BNG e PSdeG saíron onte en defensa de Pedro Sánchez, fagan o mesmo cos representantes do PPdeG e pidan as correspondentes desculpas”.
Ademais, e relacionado coa decisión de Pedro Sánchez sobre as competencias de Galicia sobre o litoral, “onde se demostrou que para os socialistas existen comunidades de primeira, ás que se lles recoñecen as súas competencias de xeito directo, e de segunda, ás que se lles presenta un recurso ante o Tribunal Constitucional; tamén está demostrado que hai españois de primeira, aos que se lles aproba unha Lei de amnistía a medida, e de segunda, os que estamos sometidos á lei; e tamén existen familias de primeira, as súas propias, e de segunda, as dos representantes do PPdeG”.