O Partido Popular de Galicia erixiuse hoxe como a única alternativa para defender os intereses do rural galego en Europa e reclamou un trato xusto e realista para os nosos gandeiros e agricultores: “Non queremos máis que ninguén, senón que se teña en conta a nosa realidade”.
A secretaria xeral do partido, Paula Prado, lamentou neste sentido que se estea a situar aos gandeiros e agricultores “como culpables de todo” cando en realidade eles son os que levan alimento a fogares de todo o mundo e “os únicos que non respectan o medio ambiente son o PSOE e o BNG co seu ecoloxismo radical”.
“Mentres outros poñen atrancos e problemas aos nosos gandeiros e agricultores, nós ofrecemos solucións porque temos moi presente a realidade do territorio galego”, asegurou poñendo en valor que en Galicia se ordeñan 4 de cada 10 litros de toda España e que a nosa Comunidade é a décima zona de Europa con maior produción de leite.
Na súa visita ás instalacións da cooperativa láctea CLUN no concello de Ames xunto ao candidato Adrián Vázquez, a responsable de Medio Rural do Goberno galego, María José Gómez, e o coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, a número dous dos populares galegos avogou por “unha Europa que se pareza máis a Galicia: moderada, sen extremismos, cumpridora, sen mentiras, igualitaria e sen discriminacións”.
“Esta fin de semana fomos o corazón de Europa e o próximo domingo agardamos ser o corazón da vitoria do Partido Popular”, concluíu referíndose á presenza en Galicia da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, o pasado sábado.
ADRIÁN VÁZQUEZ: “EUROPA TEN TODO QUE DICIR SOBRE O RURAL”
Na mesma liña, o candidato Adrián Vázquez mostrou o seu interese por coñecer de primeira man a realidade do sector de produtores lácteos galegos e as súas demandas. Especialmente nun momento de crise no que, como explicou, “a comercialización, a produción e os prezos seguen sen estabilizarse”.
“Europa non é só que teña moito que dicir, senón que ten todo que dicir para axudar a un sector tan importante para Galicia”, engadiu ao tempo que lamentaba os ataques por parte dun Goberno de España que non escoita as súas demandas.
Contrapuxo así a actitude dun Partido Popular que si lle da a importancia que se merece ao rural e traballa por ofrecerlle solucións a todos os niveis fronte ao PSOE: “Nós queremos mellorar a vida do sector e vimos directamente a escoitalos e a falar con eles. Mentres, Teresa Ribera seguro que está acariciando algún lobo”.