O Comité Executivo do PPdeG aprobou hoxe a convocatoria do 19º Congreso provincial extraordinario do Partido Popular de Ourense, que se celebrará o próximo 13 de xullo no Pazo dos Deportes Paco Paz.
A convocatoria inclúe o nomeamento da Comisión Organizadora, que estará presidida pola deputada nacional Rosa Quintana, acompañada na vicepresidencia por Eugenia Díaz Abella. A relación de membros da comisión complétase coa secretaría, que ocupará Pablo Pérez, e con Manuel Alexandre Nóvoa e Adriana Álvarez como vogais.
O Comité Executivo tamén aprobou o regulamento do congreso, que establece os pasos a dar ata a celebración do conclave ourensán, así como os correspondentes prazos. Os militantes que desexen participar no proceso, e que terán que estar ao corrente do pagamento de cotas, terán 15 días para inscribirse.
Ata o 20 de xuño estará aberto o prazo para a presentación ante a Comisión Organizadora de precandidaturas, ás que deberán acompañar un mínimo de 75 avais. Trala proclamación de candidaturas, comezará a campaña electoral interna.
O Congreso provincial terá carácter extraordinario e porá fin ao traballo desenvolvido pola xestora. Neste tempo, o PP de Ourense obtivo o mellor resultado nacional nunha provincia da formación, co 51,11% de apoio nas Eleccións Europeas deste domingo, e o segundo mellor resultado entre as provincias galegas nas autonómicas de febreiro.