O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a proposición de Lei do BNG para a creación dunha empresa pública de enerxía renovable en Galicia “é unha chapuza porque na súa maior parte é unha norma en branco, baleira de contido e con simples remisións á normativa de aplicación”.
“No BNG son especialistas en discursos simplistas, facendo ver á cidadanía que todo se arranxa co soberanismo independentista e o autogoberno, indo a contracorrente nun mundo que cada vez máis debe ser pensado dun xeito global”, sinalou Rubén Lorenzo.
En concreto, cuestionou aos nacionalistas “como pretenden poder optar a participar ou desenvolver proxectos enerxéticos propoñendo que o capital social da empresa pública sexa de 50.000 euros”. Neste sentido, lembrou que a participación da Xunta na sociedade mercantil Recursos de Galicia, que ten 15 millóns de euros de capital social, é do 30 por cento actualmente, e ten unha capacidade de financiar proxectos mediante pancas financeiras cun importante investimento.
APROVEITAMENTO DOS RECURSOS NATURAIS
En canto ao obxecto e finalidade da suposta empresa pública de enerxía, Rubén Lorenzo indicou que “son obxectivos aliñados co que promove a futura Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia”, polo que considerou “contraditorio criticar este proxecto de lei e inmediatamente despois defender unha empresa que persegue o mesmo fin”.
“Non imos pechar a porta da participación nos proxectos de aproveitamento dos recursos naturais aos grandes empresarios de Galicia, nin ás pemes, nin aos pequenos investidores, nin aos mariñeiros, nin ás comunidades de montes, nin ás agrupacións veciñais, entre outros moitos “, sinalou.