O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a aprobación do teito de gasto da Comunidade galega para 2025 é “unha nova mostra da estabilidade institucional da que goza Galicia; da estabilidade financeira, que permite un desenvolvemento económico e social sen precedentes na nosa historia; e de coherencia política, porque é o primeiro paso para aprobar o orzamento que permitirá desenvolver os compromisos que adquirimos coas galegas e galegos nas últimas eleccións autonómicas”.
Alberto Pazos lembrou que o teito de gasto para 2025 ascende a 13.954 millóns de euros, a cifra máis alta da historia da Comunidade galega. “Somos a única comunidade autónoma capaz de cumprir coa obriga institucional de aprobar o límite de gasto non financeiro consecutivamente durante os últimos 15 anos, porque Galicia fixo da normalidade algo excepcional a pesar de facelo sempre sen o apoio de nacionalistas e socialistas”, incidiu.
“Fronte a esta realidade que vivimos en Galicia, temos un Goberno de España que renunciou a presentar orzamentos en 2024, que non cumpre coa súa obriga de proporcionar un marco económico ás comunidades autónomas e que acaba de ver como os seus supostos socios tomban a súa proposta de teito de gasto, poñendo en risco a aprobación dos orzamentos para 2025”, sinalou.
O portavoz popular subliñou que “a planificación sensata e a estabilidade financeira permitiu que Galicia deixara atrás a pantasma do atraso secular, para converterse nun referente de progreso colectivo”. En concreto, destacou que Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior crecemento económico desde 2009 e a que máis medrou desde a pandemia; a que mellor reparte ese crecemento económico, mantendo a taxa de pobreza por debaixo da media nacional; e a que menos incrementou a súa débeda.
SOCIEDADE GALEGA MÁIS RICA
“Hoxe a sociedade galega é máis rica no seu conxunto, acadando a maior converxencia coa renda nacional da nosa historia e co obxectivo de alcanzar a media nacional en 2030”, puntualizou.
Para rematar, Alberto Pazos lembrou que a aprobación do teito de gasto “é o primeiro paso para aprobar o orzamento que permitirá desenvolver os compromisos que adquirimos coas galegas e galegos nas últimas eleccións autonómicas”. “Isto é algo dificilmente comprensible para a oposición, pero o Goberno de Rueda aspira a cumprir coa palabra dada, sen inexplicables cambios de opinión”, asegurou.
Porén, engadiu que “unha cousa é que non esperemos coherencia política da oposición e outra moi distinta é que pasemos por alto a demostración de hipocrisía política que están a facer os últimos días”. En concreto, Pazos dixo que “o peor de todo é escoitalos reclamar máis gasto público mentres calan ante o maior atropelo da democracia contra a solidariedade entre os territorios e a igualdade dos cidadáns españois que supón o pacto asinado entre o PSOE e Esquerra Republicana de Cataluña”.
“A resposta da esquerda galega ao maior ataque contra a suficiencia financeira de Galicia é o silencio do señor Besteiro ou a ruína do concerto económico para Galicia da señora Pontón”, rematou.