O Partido Popular de Galicia márcase como un dos seus obxectivos para a vindeira lexislatura a introdución de melloras no actual anteproxecto de lei integral de impulso da economía social que prepara o Goberno central, para así evitar as eivas do texto actual e reforzar o papel das entidades sociais e as empresas.
Recentemente celebrouse unha reunión de traballo na sede autonómica dos populares galegos para abordar esta cuestión e na que estiveron presentes representantes da Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA), de Arroupa e da Asociación empresarial galega de Centros Especiais de Emprego sen ánimo de lucro (Cegasal).
As súas propostas e inquedanzas foron recollidas tanto polas deputadas autonómicas Raquel Arias e Noelia Pérez como polos deputados nacionais Marta González, Irene Garrido, Juan Andrés Bayón e Pedro Puy; que se comprometeron a traballar para que a futura lexislación preserve a tarefa fundamental que fan estas entidades na transición das persoas vulnerables –con maiores dificultades para o acceso ao emprego– cara o mercado de traballo e na consecución dunha sociedade máis xusta, igualitaria e inclusiva.
Durante a xuntanza púxose en valor o proceso de participación e escoita activa do Goberno galego con todos os axentes implicados na economía social para o deseño da nova Lei de cooperativas. Ademais, en Galicia xa está en marcha a segunda Estratexia da economía social, que, cun horizonte posto en 2027, ten como obxectivo xerar 4.000 empregos e posicionar este modelo en sectores estratéxicos da nosa economía, fomentar a innovación e garantir unha maior presenza da xuventude e as mulleres neste ámbito.