O portavoz de Mobilidade do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “os atrasos, a falta de prazas ou as avarías son a excepción no transporte interurbano de competencia da Xunta de Galicia”.
“Seguimos avanzando na consecución dun modelo de mobilidade optimizado, moderno, intelixente e responsables coa poboación galega e co medio natural”, que na actualidade xa conta con máis de 3.700 rutas, máis de 56.000 paradas, máis de 20 millóns de horarios e máis de 2,3 millóns de servizos ao ano.
REFERENTE
Gonzalo Trenor salientou que o transporte público de Galicia “é un referente entre o resto de comunidades autónomas, como pioneiro na renovación do transporte público interurbano, polos máis de 140 millóns de euros anuais que se dedican a financialo e polo marcado carácter social co que se aborda a mobilidade”.
Porén, ironizou con que tanto BNG como o PSdeG “non poñan en práctica nas cidades nas que gobernan as brillantes ideas que din que teñen para o transporte público” e criticou a situación na que se atopan os servizos que prestan desde nos concellos de Pontevedra, onde segue a ser a Xunta a que presta o transporte urbano; Santiago, onde aínda non renovaron o contrato; Lugo ou A Coruña, onde a previsión é que o contrato estea en situación irregular alomenos ata 2026.