O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España para que elabore un estudo, serio e minucioso, sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9 e a dar traslado do seu resultado ás forzas políticas con representación nesta Cámara.
O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, afirmou que, logo da comparecencia do ministro de Transportes esta mañá no Congreso sobre a AP-9, “a desconfianza deixou xa de crecer, porque dixo alto e claro que non ao rescate, non á gratuidade e un depende á transferencia, pois dixo que o Goberno non ía impedir o debate sobre a transferencia pero deixou claro que non a ve xustificada”.
“Logo do acontecido esta mañá no Congreso, algúns poderán caer na tentación de pensar que xa non hai que falar da AP-9, pero xa lles anticipo que non vai ser así e o Partido Popular vai seguir demandando aínda con maior forza que se cumpra o prometido aos galegos: unha AP-9 100 por cento galega e 100 por cento gratuíta”, manifestou o portavoz popular.
RIGOR E UNIDADE
Roberto Rodríguez lembrou que “Galicia aspira dende hai 15 anos a xestionar a súa autoestrada e por iso esiximos e imos a seguir esixindo ao Goberno de España que atenda ao acordo unánime aprobado neste Parlamento galego e referendado no Congreso dos Deputados: o de transferir a Galicia a competencia sobre a xestión da súa autoestrada nos termos previstos na Proposición de Lei Orgánica de transferencia, asumindo as repercusións económicas e financeiras dos convenios en vigor, das actuación en infraestruturas xa comprometidas e as necesarias no futuro que non sexan responsabilidade da Xunta e, en concreto, a posible nulidades das prorrogas; e asumindo a dotación económica necesaria para ampliar as bonificacións e eliminar o incremento extraordinario do 1 por cento durante 20 anos acordado polo goberno socialista do señor Zapatero”.
O portavoz popular volveu esixir “rigor, que se materialice na elaboración por parte do Goberno de España dun estudo, serio e minucioso, sobre o custo que suporía o rescate e gratuidade da AP-9; e unidade, para que se cumpra a que foi unha demanda unánime das forzas políticas galegas”. “Unidade que rachou xa o PSOE ao non apoiar unha moción cun texto idéntico a aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia», dixo Roberto Rodríguez.
“O seu Goberno en Madrid castiga aos galegos coas autoestradas máis caras de
Europa e veñen aquí a desvirtuar o debate para que pareza que todos somos iguais, e así tapar as vergoñas do desleixo de Pedro Sánchez e de quen o apoia”, sinalou o portavoz popular.
Para rematar, lembrou que a semana pasada o ministro de Transportes “pasou de dicir que non había cartos a prometer que cumpriría con parte do prometido aos galegos, e que as bonificacións para a AP-9 serían declaradas de urxencia no Consello de Ministros celebrado onte”. “Porén, lamentablemente, o que si foi onte a ese Consello de Ministros foi a bonificación á metade da peaxe da AP-66 entre Campomanes e León”, subliñou.