A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “nacionalistas e socialistas son culpables do maior dano que nunca se lle ten feito ás mulleres vítimas de violencia, apoiando ao Goberno de Pedro Sánchez e a aprobación da Lei do só si é , que permitiu que 1.450 violadores e agresores sexuais viran reducidas as súas penas e 126 saíran antes do cárcere”.
Raquel Arias insistiu que “cada agresión que se produce contra os dereitos e contra a liberdade das mulleres é un fracaso da sociedade no seu conxunto, e so se poderá combater se o facemos da man todas as institucións, todos os partidos políticos e o conxunto da sociedade”.
RACHARON O CONSENSO EN GALICIA
Por este motivo, salientou que “a loita contra a violencia de xénero é unha prioridade para a Xunta de Galicia”, e lembrou que “somos a primeira comunidade cunha dirección xeral específica, que permite atender mellor ás vítimas e traballar aínda máis na prevención; cunha axuda mensual ininterrompida para as vítimas; en poñer en marcha a quenda de garda para mulleres vítimas de violencia de xénero e tamén para os seus fillos menores; en ofrecer asistencia integral aos nenos orfos por violencia machista; e en facilitar vivendas tuteladas para vítimas de violencia con enfermidades mentais, que proximamente se ampliará a vítimas con problemas de adición”.
A portavoz popular sinalou que “moitos deses avances aprobáronse neste Parlamento por unanimidade de todos os grupos”, pero lamentou que “o pasado mes de decembro BNG e PSdeG racharon o consenso e non votaron a favor da nova Lei de igualdade, a pesar de que foron aceptadas a maioría das súas propostas”.
“É moito o que se está facendo, pero temos que seguir traballando e por iso é imprescindible que o Goberno central faga tamén os seus deberes, renovando canto antes o Pacto de Estado, que leva conxelado desde 2022 e o que so cumpriu o 60 por cento das medidas recollidas; revisando os erros do sistema Viogen á hora de valorar o risco das vítimas de violencia de xénero que denunciaran ao seu agresor; e promulgando dunha vez por todas unha lei contra a trata de persoas, ámbito no que Galicia xa vai por diante cun plan antitrata desde o ano 2022”, manifestou.