O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que habilite, mediante os procedementos que resulten necesarios, que as empresas que desexen patrocinar actividades turísticas ao abeiro do Xacobeo 2027 o poidan facer a partir do 1 de xaneiro de 2025.
O portavoz de Turismo do Grupo Popular, Borja Verea, lamentou que a falta de orzamentos do Estado está a impedir a declaración do Xacobeo 2027 como evento de especial interese público, que permitiría poñer en marcha os incentivos fiscais de apoio ao Xacobeo e abrir a porta á colaboración público-privada.
En concreto, este mecanismo fiscal permitiu que no pasado Xacobeo 2021-22 un total de 40 empresas aportaran 28 millóns de euros para a organización deste evento.
Ademais, Borja Verea lembrou o consenso amosado respecto desta solicitude no Consello Xacobeo celebrado o pasado 1 de xullo, no que se acordou pedir ao Goberno de España a declaración como evento de especial interese público.
A iniciativa do Grupo Popular complementouse cunha emenda do Grupo Socialista a través da que se solicita o deseño dun mapa territorial por toda a xeografía galega que chegue ao máximo número de concellos e, cando menos, a todas as comarcas galegas, facer unha distribución equitativa e igualitaria das actuacións de maior impacto por todo o territorio; e que o acceso aos distintos eventos sexa en igualdade de condicións.