O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de PSdeG e Grupo Mixto, a través da que se solicita ao Goberno de España que tome as medidas necesarias para asegurar a continuidade na asistencia sanitaria a todo o colectivo docente adscrito a MUFACE. “Vemos como BNG e PSdeG usan moitas veces ao profesorado de parapeto aos seus intereses partidistas, pero á hora da verdade esquecen a este colectivo, como está a acontecer nesta ocasión coa posible desaparición desta mutualidade”, sinalou a deputada popular Felisa Rodríguez.
O pasado 5 de novembro coñeceuse que a licitación do concerto para prestar asistencia sanitaria no ámbito de MUFACE quedara deserto debido a un infrafinanciamento e unhas coberturas máis esixentes das que presta o propio Sistema Nacional de Saúde nalgúns aspectos. “A día de hoxe, a incerteza segue a ser absoluta, tanto para os 1,5 millóns de funcionarios e familiares que reciben cobertura sanitaria en España, como para calquera cidadán que entende que a falta de planificación do Goberno central pode prexudicar ao sistema de sanidade público”, indicou Felisa Rodríguez.
GOBERNO CENTRAL DIVIDIDO
“O Goberno de Pedro Sánchez continúa dividido, porque mentres desde o Ministerio de Función Pública confían en que con este proceso MUFACE seguirá existindo, desde Sanidade xa estudan as formas para que os mutualistas poidan incorporarse á sanidade pública, cumprindo o plan da propia ministra de desmantelar unha mutualidade que leva moito tempo funcionando correctamente”, explicou.
A deputada popular engadiu que “o Goberno central parece esquecer as súas responsabilidades e non é consciente de que a desaparición de MUFACE tería un notable impacto na asistencia sanitaria pública, pois só en Galicia tería que absorber máis de 60.000 adscritos, dos que arredor de 40.000 proceden do ámbito do sector educativo”.
“Esta situación, sumada ao déficit de médicos causado tamén pola rixidez nas directrices formativas do Ministerio, incrementaría os tempos medios de espera para os pacientes, tanto en cirurxías como en consultas, ademais de que produciría unha discontinuidade asistencial, pois os pacientes deixarían de estar atendidos polo seu médico de toda a vida”, manifestou a deputada popular.
Outra consecuencia negativa da desaparición de MUFACE sería a desconexión da historia clínica dos pacientes, pois o sistema IANUS de historia clínica da sanidade pública galega non conta cos datos da sanidade privada.