A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que Galicia “sumará ao longo deste ano 1.100 novas prazas públicas en residencias ou centros de día”, ao que se engade a posta en marcha desde este mesmo mes do plan de choque para axilizar as valoracións e simplificar as solicitudes de dependencia.
Raquel Arias criticou que BNG e PSdeG “se poñan constantemente do lado do Goberno de Pedro Sánchez e non apoien ao Goberno galego esixindo que se lle abonen os 2.500 millóns de euros que o Goberno central lles debe aos dependentes galegos, cifra que se incrementa en 200 millóns de euros cada ano”.
“A pesar desta falta de axuda por parte do Goberno de España para o cumprimento da Lei de Dependencia, a Xunta atende na actualidade a máis de 77.000 dependentes, cinco veces máis que cando gobernaban Galicia nacionalistas e socialistas; multiplicamos por tres o número de prazas públicas en residencias; multiplicamos por seis as prazas en centros de día; multiplicamos por oito as persoas con servizo de axuda no fogar; e se crearon 143 casas do maior”, concretou.
Porén, a deputada popular explicou que “o modelo do PPdeG non se centra so nas residencias, senón porque sexan os propios maiores os que decidan onde queren pasar esta etapa da súa vida, porque en Galicia maioritariamente queren pasala na súas casas”. “Por iso somos líderes en axuda a domicilio, pero tamén noutras prestacións complementarias como Xantar na Casa, teleasistencia, o carné +65, o programa de balnearios ou outras actividades de ocio e tempo libre para os nosos maiores”, apuntou.
Raquel Arias destacou, ademais, que “Galicia é un exemplo en canto ao novo modelo de residencias posto en marcha pola Xunta, un novo modelo que empeza xa no momento da construción, facendo unidades máis pequenas, con mobiliario e decoración máis próximas ás súas casas, pero que incorporan tamén áreas específicas para os pacientes psiquiátricos, con todos os avances tecnolóxicos e interconectadas co Sergas”.