O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio dos deputados do BNG, a través da que se insta á Xunta a publicar un modelo de gobernanza do espazo de datos do sistema sanitario galego que permita mellorar a prestación de asistencia, investigación e innovación.
A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, salientou que o servizo galego de saúde “foi pioneiro en incorporar avances tecnolóxicos e dixitais aos seus sistemas”, como a historia clínica electrónica ou as plataformas e-Receita ou e-Saúde.
“Todos estes avances tecnolóxicos derivaron en que o SERGAS almacene na actualidade máis de 3.000 millóns de datos de saúde, o que supoñen arredor de 10 petabytes de almacenamento, unha cantidade inxente de datos en boa parte relacionados con proxectos de medicina xenómica ou procedentes de dispositivos electro-médicos, como os parches de medición de insulina ou dispositivos cardioimplantables”, concretou.
Encarna Amigo afirmou que “esta tecnoloxía vai permitir facer a medicina máis preditiva e máis personalizada”, polo que destacou o feito de “reunir nunha infraestrutura única os datos que permiten a asistencia aos máis de 2,65 millóns de galegos por parte dos máis de 40.000 profesionais sanitarios”.
“Galicia debe ser pioneira en adaptarse ao novo regulamento do espazo europeo de datos sanitarios, que faga posible aproveitar o enorme potencial que Galicia posúe no marco dos datos sanitarios para fomentar a investigación científica, desenvolver mellores tratamentos e optimizar a atención aos pacientes”, concluíu.