O Grupo Popular vén de solicitar no Parlamento de Galicia que a Xunta estude a elaboración dun protocolo para o acompañamento das persoas con discapacidade visual no centros sanitarios galegos, en consenso e coa participación dos profesionais da saúde e das organizacións que traballan para garantir e ampliar as súas condicións de accesibilidade e inclusión.
Os deputados populares Jesús María Fernández Rosende e Raquel Arias mantiveron un encontro co presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro, no que se puxo de manifesto que as posibilidades de desorientación dentro do centro sanitario son especialmente elevadas en persoas con discapacidade visual. Por este motivo, é necesario xerar un ambiente que onde se garanta a autonomía da persoa e o apoio necesario para a plena inclusión das persoas con discapacidade visual, favorecendo que se centre en aproveitar a consulta, a proba ou o tratamento para mellorar a súa saúde.
ELEMENTO ESENCIAL
“O obxectivo é potenciar as estratexias de humanización dos centros sanitarios fomentando a accesibilidade de persoas con discapacidade visual mediante o acompañamento por parte de profesionais da sanidade pública”, indicou o deputado popular Jesús María Fernández Rosende.
Neste sentido, os deputados populares incidiron que “a accesibilidade universal é unha condición previa para a participación e inclusión na sociedade das persoas con discapacidade, polo que a obriga de proporcionar accesibilidade é un elemento esencial para facer posible o dereito á igualdade plena e efectiva”.