O senador e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, serán os representantes de Galicia na Comisión Organizadora do Congreso Nacional do Partido Popular que se celebrará en Madrid no mes de xuño.
Así o anunciou esta mañá o presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo, durante a reunión da Xunta Directiva Nacional á que tamén asistiu o líder dos populares galegos, Alfonso Rueda, e na que se aprobou a composición deste órgano.
Galicia convértese así, xunto coa Comunidade de Madrid, na comunidade autónoma con maior presencia nesta Comisión Organizadora na que José Manuel Rey Varela será o secretario –o terceiro cargo con maior relevancia– e Paula Prado, pola súa banda, exercerá como vogal.
Na súa intervención, o presidente Feijóo quixo agradecer aos actuais membros da Xunta Directiva os logros electorais acadados neste tempo e entre os que destacou a consecución da primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda nas eleccións autonómicas do pasado ano.
Sobre a designación do alcalde de Ferrol e senador, o líderes dos populares recoñeceu que coñece ben a traxectoria de Rey Varela e asegurou que “é unha das persoas que máis traballou veciño a veciño cada un dos seus éxitos e así o avalan as súas maiorías absolutas”.