O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o novo Plan de residencias públicas que porá en marcha o Goberno galego beneficiará á veciñanza de Pontevedra na medida en que inclúe proxectos para concellos medianos e pequenos da provincia.
Fíxoo ante os asistentes á Xunta Directiva Provincial do PP de Pontevedra celebrada esta tarde en Redondela e na que, acompañado polo presidente Luis López, a secretaria xeral Paula Prado, o portavoz parlamentario Alberto Pazos e o líder local do partido, Javier Bas, insistiu en que o partido conta cunha folla de ruta “clara e realista” para esta provincia “clave para Galicia”.
Unha folla de ruta que o propio presidente Rueda definiu hai unhas semanas no Debate sobre o Estado de Autonomía ao avanzar futuras medidas das que se beneficiarán todos os concellos pontevedreses. É o caso, por exemplo, das axudas para a rehabilitación de vivendas no rural ou as novas desgravacións fiscais pola compra de material escolar. Tamén, por suposto, ese novo Plan de residencias públicas de Galicia que será “o máis ambicioso da historia”.
Todo isto constitúe, na súa opinión, o reflexo de que para o PPdeG a política non consiste en buscar titulares nin en alimentar confrontacións estériles, senón que se basea en mellorar a vida da xente a través do traballo diario e desde a moderación, o diálogo, a responsabilidade, o compromiso e a eficacia.
O líder dos populares galegos reivindicou estes valores como elemento diferenciador tamén dun PP de Pontevedra que, tal e como se comprobou hoxe co gran número de asistentes á Xunta Directiva Provincial, está vivo, mobilizado, unido e preparado para seguir gobernando e liderando a provincia.
A ASPIRACIÓN CONSTANTE DUNHA XESTIÓN MELLOR
Pola súa banda, o presidente do PP provincial, Luis López, quixo dar oficialmente a saída ao traballo máis intenso de cara ás eleccións municipais e chamou ás 61 agrupacións locais a “potenciar ata o infinito o traballo que facemos habitualmente para escoitar, entender e atender aos veciños” co obxectivo de chegar nas mellores condicións a uns comicios que “serán decisivos para acadar máis alcaldías e outorgarlle a milleiros de pontevedreses unha xestión mellor da que padecen actualmente pola inestabilidade e a febleza dos bipartitos PSOE-BNG”.
“Fronte aos que falan e pecan dun triunfalismo que non se entende e que está moi afastado da súa propia realidade, no PP preferimos calar e dedicarnos a traballar e atender á xente, que é o que nos demandan os cidadáns tal e que se confirmou nas catro vitorias electorais consecutivas que tivemos na provincia nos últimos dous anos”, aseverou o tamén presidente da Deputación.
López concluíu decretando “o estado supremo de municipalismo, de política de rúa e de cercanía cos cidadáns e as asociacións” para que a provincia “siga funcionando e transformándose como nestes últimos tempos”.