O Grupo Popular rexistrou a pasada semana no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei a través da que se pide ao Concello de Mondariz-Balneario que solicite formalmente a incoación do expediente para a declaración da Fonte de Troncoso como Ben de Interese Cultural (BIC). “O Concello contará coa total colaboración da Xunta no proceso de tramitación desta solicitude e na elaboración da
documentación necesaria para a incoación do expediente, así como posteriormente para solicitar fondos ao Ministerio de Vivenda, con cargo ao programa do 2% cultural co obxectivo de proceder á recuperación deste ben patrimonial”, asegurou o deputado popular Julio García Comesaña.
A Fonte de Troncoso de Mondariz-Balneario é unha obra singular do arquitecto Antonio Palacios, unha das figuras más recoñecidas da arquitectura galega e autor dalgúns dos edificios máis emblemáticos da Comunidade galega. “Porén, a pesar do seu notable valor histórico, artístico e simbólico, atópase nun preocupante estado de conservación a consecuencia do abandono á que a ten sometida o Concello”, lamentou o deputado popular, quen lembrou que a última intervención de consolidación foi promovida pola Xunta hai dous anos.
García Comesaña avogou por “deixar á marxe as liortas partidistas e poñerse a traballar para a conservación da Fonte de Troncoso, para o que o primeiro paso debe de ser a solicitude desde o Concello de Mondariz-Balneario da súa declaración como ben de interese cultural, o que garantiría a súa protección e posta en valor e facilidades para acceder a axudas para a súa conservación”.