A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe no Parlamento de Galicia que as tres prazas de pediatría de Lalín están cubertas neste momento e contan cun cupo que non supera os 830 nenos por pediatra, moi por baixo dos 1.100 que recomenda o Marco Estratéxico para a atención primaria do Ministerio de Sanidade. Así mesmo, considerou “unha medida inxustificada e populista, propia do catecismo do BNG e insostible para calquera xestor sanitario responsable engadir un cuarto pediatra ao Centro Integral de Saúde de Lalín cando non se supera o límite de nenos establecidos para cada profesional”.
Encarna Amigo pediu aos nacionalistas galegos que “deixen a demagoxia e o alarmismo, e non xoguen coa sanidade pública galega, porque a situación da atención pediátrica en Lalín está controlada, organizada e perfectamente dimensionada conforme ás necesidades reais da poboación infantil da comarca”.
CONTRATACIÓN DE TODO O PERSOAL DISPOÑIBLE
En concreto, afirmou que as tres prazas de pediatría do CIS de Lalín están cubertas: unha pola súa titular e as dúas restantes por residentes de pediatría, que están a prestar o servizo ata o 19 de xullo. “A partir desa data unha nova pediatra cubrirá a praza por renuncia e a outra será atendida polos pediatras da zona”, asegurou.
Ademais, e referíndose ao Marco Estratéxico para a atención primaria do Ministerio de Sanidade, no que se recolle unha ratio máxima recomendada de 1.100 nenos por pediatra, Encarna Amigo subliñou que “en Lalín ningún dos tres cupos existentes supera os 830 nenos: 828 o primeiro, 808 o segundo e 602 o terceiro”. Deste xeito, criticou ao BNG porque “non se pode pedir máis prazas sen unha necesidade asistencial real, nin xerar alarma onde hai eficacia”.
“Deixen de demonizar aos médicos de atención primaria e de estender a sospeita de que os nenos están mal atendidos por un médico de familia”, demandou a portavoz popular, quen lamentou que “BNG e PSdeG finxen non saber que a escaseza de pediatras é un problema de toda España, non exclusivo da Comunidade galega”.
Diante desta situación, Encarna Amigo lembrou que a Xunta “contrata a todo o profesional dispoñible” e salientou que “Galicia leva sete anos consecutivos cubrindo o 100 por cento das prazas acreditadas en pediatría e medicina familiar, ao tempo que as listas de contratación están a cero”.
“Hoxe hai máis pediatras en atención primaria que en 2008 cando gobernaban socialistas e nacionalistas, a pesar de que hai 30.000 nenos menos agora que entón”, destacou.