A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a espera media para unha operación cirúrxica na área sanitaria de Ourense é de 69,5 días, case 57 días menos que a media estatal, que se sitúa en 126 días. Máis en concreto, no caso dos hospitais comarcais de Verín e Valdeorras a espera redúcese a 48 e 31 días, respectivamente.
Encarna Amigo subliñou que “todas as áreas sanitarias de Galicia, incluída a de Ourense, teñen mellores tempos de espera para cirurxía que calquera comunidade autónoma gobernada polo Partido Socialista”. Neste sentido, lembrou que “Galicia situouse como a cuarta comunidade de toda España con menores tempos de espera cirúrxica, segundo os datos publicados polo propio Ministerio de Sanidade”.
“A transparencia é unha constante na xestión da Xunta”, afirmou a portavoz popular, quen dixo que “a forma de contabilizar as listas de espera está regulada por normativa estatal desde hai máis de vinte anos, e é igual para todas as comunidades autónomas”. “Polo tanto, xa basta de insinuar manipulacións ou maquillaxes de datos, porque estes son públicos, auditables e están desagregados por hospital, algo que Galicia fai voluntariamente e que non fan outras comunidades autónomas”, apuntou.