Os deputados do Grupo Popular Cristina Sanz e José Manuel Mato salientaron hoxe que o número de prazas de novo ingreso para a formación profesional na provincia de Lugo acadará o vindeiro ano as 6.776, unha cifra récord coa que tamén se ofertarán novas especialidades como a FP acelerada. “O obxectivo é poñer a disposición dos alumnos unha oferta que dea resposta ás súas demandas e necesidades, e adaptada ás necesidades do tecido socioeconómico nun momento de solicitude de profesionais cualificados e que garantan o relevo xeracional”, sinalou.
Nunha visita ao CEIP As Mercedes de Lugo, Cristina Sanz e José Manuel Mato destacaron que “o número de prazas para formación profesional na provincia lucense incrementarase o vindeiro ano en 317, o que supón unha suba do 4,91 por cento respecto do pasado curso”. O prazo para solicitar praza nos diversos ciclos ofertados abrirase o vindeiro 16 de xuño e permanecerá aberto ata o 2 de xullo.
NOVIDADES
Dentro da provincia lucense, a área que conta con maior oferta é a de Lugo, con 3.934 prazas; seguida de A Mariña, con 1.744; e Lemos-Chantada-Quiroga, con 1.098.
Unha das novidades que ofertará a formación profesional en Galicia para o vindeiro ano son as formacións aceleradas, “unha nova vía formativa pioneira e inédita a nivel de toda España que consiste nunha formación rápida, concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración, e que ten por obxecto mellorar a cualificación das persoas e abrirlles as portas ao mercado laboral”, explicou o deputado popular.
Dentro da provincia de Lugo, os interesados nestas formacións aceleradas teñen á súa disposición 132 prazas de grao medio, distribuídas nos centros As Mercedes, de Lugo; e Porta da Auga, de Ribadeo.