O deputado do Grupo Popular Roberto Rodríguez salientou hoxe que o número de prazas de novo ingreso para a formación profesional na provincia de A Coruña acadará o vindeiro ano as 20.247, unha cifra récord coa que tamén se ofertarán novas especialidades como a FP acelerada ou a FP básica para adultos. “O obxectivo é poñer a disposición dos alumnos unha oferta que dea resposta ás súas demandas e necesidades, e adaptada ás necesidades do tecido socioeconómico nun momento de solicitude de profesionais cualificados e que garantan o relevo xeracional”, sinalou.
Nunha visita ao CEIP Anxel Casal de Monte Alto en A Coruña, acompañado do concelleiro do PP Carlos San Claudio, Roberto Rodríguez destacou que “o número de prazas para formación profesional na provincia coruñesa incrementarase o vindeiro ano en 749, o que supón unha suba do 3,84 por cento respecto do pasado curso”. O prazo para solicitar praza nos diversos ciclos ofertados abrirase o vindeiro 16 de xuño e permanecerá aberto ata o 2 de xullo.
NOVIDADES
Dentro da provincia, a área que conta con maior oferta é a de A Coruña, con 9.898 prazas; seguida de Santiago, con 4.88.9; Ferrol; con 4.145; e Barbanza-Muros-Noia, con 1.315.
Unha das novidades que ofertará a formación profesional en Galicia para o vindeiro ano son as formacións aceleradas, “unha nova vía formativa pioneira e inédita a nivel de toda España que consiste nunha formación rápida, concentrada nun período de entre catro e seis meses de duración, e que ten por obxecto mellorar a cualificación das persoas e abrirlles as portas ao mercado laboral”, explicou o deputado popular.
Dentro da provincia de A Coruña, os interesados nestas formacións aceleradas teñen á súa disposición 398 prazas distribuídas en centros de A Coruña (CIFP Paseo das Pontes e CIFP Someso), Ferrol (CIFP Ferrolterra), Pontedeume (CIFP Fraga do Eume), Ribeira (CIFP Coroso) e Santiago de Compostela (CIFP Compostela e CIFP Politécnico de Santiago).
Así mesmo, outra das novidades de cara ao vindeiro curso serán os títulos de FP básica para adultos, que no caso da provincia de A Coruña poderanse cursar en CIFP de Ferrol, no grao básico de mantemento de vehículos.