Os deputados do Grupo Popular Miguel Viso e Víctor Baladrón salientaron hoxe a importancia do bono turístico que a Xunta lanzará o vindeiro mes de xullo para a desestacionalización do turismo na Comunidade galega, sobre todo nunha provincia como a de Ourense, que destaca pola chegada de visitantes sobre todo fora da tempada estival.
Nunha visita á casa de turismo rural A Gandarela de Cenlle, en compañía da alcaldesa, Rebeca Sotelo, os deputados populares destacaron o papel do turismo como motor de desenvolvemento, de fixación de poboación e de xeración de oportunidades no rural. Deste xeito, subliñaron “a necesidade de seguir apoiando este sector que amosa, cada día, a mellor cara de Galicia: hospitalidade, patrimonio, paisaxe e identidade”.
Miguel Viso e Víctor Baladrón referíronse, en concreto, á nova convocatoria do bono turístico que a Xunta lanzará o vindeiro mes de xullo, a través do que se prevé mobilizar arredor de 2,5 millóns de euros neste sector ao longo do vindeiro outono a través do cofinanciamento de estadías e actividades. Os interesados poderán descargarse os bonos a través da web www.bonoturismo.gal, que terán un importe de 150 euros, dos que a Xunta financiará 60 euros.
IMPULSO AO TURISMO INTERIOR
Durante a visita, Miguel Viso destacou que “apostar polo turismo é apoiar directamente a quen mantén abertas as portas, crea emprego e ofrece experiencias que nos conectan co noso propio territorio”. Pola súa banda, Víctor Baladrón salientou que “non se trata só de cifras, senón de garantir que negocios que levan anos resistindo teñan agora un impulso real para continuar”.
Pola súa banda, Rebeca Sotelo puxo o foco na importancia deste tipo de programas para os concellos pequenos. “O turismo achega vida, actividade e esperanza a moitas zonas do interior, e iniciativas como esta do bono turístico axuda a que máis persoas descubran todo o que temos para ofrecer e contribúen a que os negocios locais poidan mirar ao futuro con máis seguridade”, apuntou.