Os deputados do Grupo Popular Ángel Rodríguez e Carmen Pomar visitaron hoxe a base da unidade operativa da brigada de bombeiros forestais de Ames e destacaron que a Xunta investirá entre os anos 2025 e 2026 preto de 1,8 millóns de euros na formación e adestramento do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais, o que supón un incremento do 19 por cento respecto do bienio anterior.
A Xunta vén de investir case 75.000 euros na mellora desta nova base, unhas obras que consistiron esencialmente no acondicionamento de vestiarios, duchas, zonas de descanso, almacéns para material e instrumental de traballos, ademais dos recintos para gardar os vehículos, co obxectivo de favorecer a conciliación entre o descanso e o traballo dos bombeiros e os axentes forestais.
Os deputados trasladaron aos profesionais do servizo de prevención de incendios forestais o esforzo que a Xunta vén realizando para a formación e adestramento deste persoal, que terán á súa disposición máis de 3.500 cursos e accións formativas ao longo de 2025 e 2026, tal e como se recolle no plan de formación integrado dentro do Pladiga.
O Plan de formación e adestramento para o persoal do Servizo de prevención e defensa contra incendios (SPIF) estruturase en seis programas. Entre as accións que se acometerán destacan os cursos monográficos sobre cuestiones relacionadas coa prevención e extinción de incendios forestais, así como a posibilidade de desenvolver un itinerario formativo profesional, que suporá a preparación diversificada e por grupos de categorías profesionais desde unha cualificación inicial ata a especialización do persoal.
Para rematar, os deputados populares trasladaron o agradecemento de toda a sociedade galega polo labor que estas brigadas forestais desenvolven no día a día na defensa dos montes galegos, tendo presente que o vindeiro 1 de xullo comezará a época de perigo de alto risco de incendios forestais.