O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, ratificou hoxe o seu apoio a Alberto Núñez Feijóo como “líder indiscutible” do Partido Popular e en especial nuns momentos nos que, na súa opinión, o líder nacional dos populares “representa a seriedade, a rectitude, a limpeza e a solvencia que a cidadanía demanda e España necesita máis que nunca”.
Así o manifestou esta tarde en declaracións aos medios na sede provincial do PP de Pontevedra, ata onde se desprazou acompañado do presidente local do partido, Rafa Domínguez, para participar no proceso de votación ao candidato a presidir o PP nacional nun Congreso Nacional que “ten que ser a constatación do cambio que a maioría desexamos e que só pode vir dun líder e dun partido que representan todas as garantías que a cidadanía está buscando”.
“En Galicia coñecemos mellor que en ningún outro sitio que Feijóo representa todo o contrario dun Pedro Sánchez á fronte dun Goberno en descomposición e que cada día está máis falto de rumbo e máis sometido a chantaxes”, apuntou Rueda incidindo en que “a cidadanía quere que os seus gobernantes gobernen e solucionen os seus problemas, non que lles mintan”.
Ao respecto da rolda de prensa ofrecida esta tarde polo presidente do Goberno, o líder dos populares galegos asegurou que foi “a constatación de que cada día está máis acurralado e cada vez resulta menos crible” e “deixou en evidencia que xa non é que Sánchez non pense nos galegos e no resto de españois, senón que non pensa nin sequera no seu partido e en nada máis alá da súa propia supervivencia”.
“Gustaríame saber que pensa facer o BNG”, preguntou retoricamente o presidente do PPdeG logo do anuncio de Pedro Sánchez de iniciar unha rolda de contactos cos seus socios parlamentarios. Na súa opinión, o independentismo galego “ata agora foi cómplice de moitas cousas e podería ter o argumento de que non sabía nada, pero agora si se saben moitas cousas”.
De aí que invite ao BNG a “demostrar que son certas as súas supostas proclamas de limpeza”. Xa que, do contrario, estarían sendo “cómplices” de que se manteñan no poder os protagonistas destes presuntos feitos e se prolongue “unha situación que é xa insostible e que a Galicia non lle convén”.
Porque, como presidente do Goberno galego, Rueda concluíu que non é de recibo ter á fronte da Administración Xeral do Estado a un Goberno “máis ocupado nas revelacións, nas gravacións, nos pronunciamentos xudiciais e nas novas chantaxes que se van sucedendo cada día que en xestionar”.
A COMPLICIDADE HIPÓCRITA DO BNG EN PONTEVEDRA
O presidente do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, agradeceu “o compromiso e a participación de todos os afiliados que hoxe colleron unha papeleta para apoiar a Alberto Núñez Feijóo, exercendo o seu voto con liberdade, coa mirada posta no futuro de España e na recuperación da senda democrática que o Goberno de Pedro Sánchez se encargou de romper coa súa corrupción”.
Ao respecto disto último, lamentou a “complicidade hipócrita do BNG que goberna en Pontevedra con minoría grazas aos votos do PSOE e que cala ante a corrupción dos socialistas”.
Contrapuxo así mesmo “os principios democráticos, a responsabilidade institucional e a ética pública” que representa o presidente Feijóo “fronte a un goberno corrupto que necesita ser substituído con urxencia para que España volva avanzar con estabilidade, rigor e respecto á democracia”.