Alberto Núñez Feijóo recibiu 10.342 votos e o apoio do 98,58% da militancia en Galicia logo do proceso, celebrado hoxe, de votación á súa candidatura como presidente do Partido Popular nacional.
A participación neste proceso situouse no 90,43% dos máis de 11.600 inscritos. Ao longo da xornada acudiron aos 53 locais de votación habilitados nas catro provincias galegas: 23 na Coruña, 7 en Lugo, 12 en Ourense e 11 en Pontevedra, onde a pesar da calor rexistrada na Comunidade, a afluencia foi constante.
Todos eles abriron as súas portas ás 9:00 horas desta mañá sen rexistrar incidencias e culminaron o proceso de votación ás 20:00 horas, logo dunha xornada que transcorreu con total normalidade e que constatou a esperanza e a ilusión que concita Alberto Núñez Feijóo non só como presidente nacional do partido, senón tamén como futuro presidente do Goberno de España.
O XII Congreso Nacional do Partido Popular celebrarase entre o 4 e o 6 de xullo en Madrid cunha ampla representación do PPdeG.