O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para consensuar o traspaso dos recursos humanos, materias e económicos precisos para asumir a xestión dos aeródromos e heliportos galegos que non teñan a cualificación de interese xeral do Estado.
A deputada popular Katy Varela lembrou que a autoridade aeronáutica civil é competencia do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, que a exerce a través da Dirección Xeral de Aviación Civil e da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).
Por outra banda, o Estatuto de Autonomía recolle que a Comunidade galega asume a competencia exclusiva en materia de aeroportos e heliportos non cualificados de interese xeral polo Estado e os aeroportos deportivos, “se ben ata este momento non as estivo exercendo”, recoñeceu a deputada popular. En concreto, trátase de infraestruturas destinadas a aeronaves ultralixeiras, hidroaeródromos e heliportos, distintas dos aeródromos de uso público nos que se realizan operacións de transporte comercial de pasaxeiros, mercadorías ou correo, incluídos os servizos de aerotaxi.
AUTONOMISMO ÚTIL
A día de hoxe, a tramitación das autorizacións de establecemento e de apertura ao tráfico de aeródromos e heliportos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia están sendo asumidas pola AESA, pero esta axencia xa amosou a vontade de deixar de asumilas e transferir as ditas funcións á Comunidade galega.
Katy Varela subliñou que desde o PPdeG “avogamos por un autonomismo útil e esta solicitude encádrase dentro dese obxectivo, como a recentemente conseguida transferencia do litoral ou a constantemente reivindicada transferencia da AP-9”.
Neste sentido, apuntou que “este tipo de centros de control aéreo permitirá continuar coa senda iniciada de potenciar o sector aeroespacial en Galicia, poñendo en valor a Estratexia galega do aeroespazo, a seguridade e a defensa en Galicia, presentada o pasado 12 de maio e que pretende mobilizar ata o ano 2030 un total de 900 millóns de euros dirixidos a promocionar o sector aeroespacial, permitindo o impulso e a creación de máis de 100 empresas do sector”.