A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, lamentou hoxe no Parlamento de Galicia a falta dun mantemento axeitado por parte do Concello de Padrón do centro de saúde desta localidade, polo que demandou á Xunta que avalíe a posibilidade de colaborar na realización de melloras puntuais neste edificio.
Encarna Amigo explicou que “as carencias que o centro de saúde de Padrón presenta son principalmente de falta de mantemento axeitado por parte do Concello, o que provocou un deterioro continuo do edificio”.
DISPOSICIÓN A COLABORAR
“A Xunta sempre está disposta a colaborar cos concellos, pero esa colaboración non pode ser substitución, e moito menos pode converterse en tapar a deixadez doutros con recursos públicos de todos os galegos”, sinalou.
Deste xeito, sinalou que “quen pide reformas, que primeiro manteña o que xa ten, porque se non o que se pretende non é mellorar a sanidade pública, senón facer política local con fins partidistas”.
A portavoz popular lembrou que a Xunta destinou desde o ano 2018 máis de 215.000 euros en actuacións de conservación e mantemento do centro de saúde de Padrón, “reforzando o seu firme compromiso de colaborar aínda que o mantemento fundamental corresponde ao Concello”.
“A Xunta está disposta a seguir colaborando, como sempre fixo, pero é inaceptable que se ignore a obriga do Concello e se pretenda trasladar toda a responsabilidade á Administración autonómica”, rematou.