A viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz, asegurou hoxe no Parlamento de Galicia o pleno compromiso da Xunta de Galicia de construír en Ribeira unha residencia pública coa que garantir a atención das persoas maiores deste municipio e da comarca, para o que demandou que o Concello dispoña dunha parcela que cumpra cos novos requisitos esixidos para a súa construción, tendo en conta a modificación da normativa sobre xestión do risco de inundación que está tramitando o Goberno central.
Cristina Sanz afirmou que “a residencia de maiores de Ribeira trátase dun proxecto completamente irrenunciable, que debe realizarse coas máximas garantías respecto ao cumprimento da normativa relativa aos riscos de inundación e que non cumpre a localización prevista inicialmente no lugar de Saíñas na parroquia de Palmeira”.
Deste xeito, o Grupo Popular apoiou a aprobación da proposición non de lei a través da que se solicita que a Consellería de Política Social designe de inmediato os técnicos que leven adiante un traballo áxil cos técnicos municipais para analizar os novos criterios legais que impedirían a construción desta residencia pública no lugar proxectado, de xeito que se poida axilizar ao máximo a localización dunha nova parcela.
Na súa intervención, a viceportavoz explicou que, logo da dana que se sufriu en Valencia, o Goberno central iniciou un proceso de modificación da normativa estatal para prohibir a edificación en zonas como a prevista inicialmente para a construción desta residencia de maiores en Ribeira, xa que ten risco de posible inundación.
PARCELA MÍNIMA DE 6.000 METROS CADRADOS
“A Consellería de Política Social xa ten solicitado ao Concello de Ribeira que propoña, á maior brevidade, unha nova parcela dunha superficie mínima de 6.000 metros cadrados na que se poida continuar co compromiso de construír esta residencia de maiores, algo no que xa están traballando os representantes do PPdeG neste concello, que xa se puxeron a traballar na busca de novas localizacións”, indicou.
A viceportavoz popular asegurou “compartir co BNG o desexo de que este proxecto poida iniciarse canto antes, porque estamos ante unha edificio piloto cunha estrutura que se adapta ao novo modelo de residencias: máis centradas nas persoas, accesible e con maior intimidade gracias ás habitacións individuais e os baños adaptados”. Unha nova residencia de maiores con 100 prazas e que contará cun orzamento inicial de 10 millóns de euros.