A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, deixou hoxe en evidencia a incapacidade de Pedro Sánchez á hora de conseguir sacar adiante os Presupostos Xerais do Estado contrapoñéndoa coa eficacia e a xestión de gobernos do PP que, tanto na Xunta como en moitos concellos, si son quen de aprobar e executar ano a ano as súas contas.
“Viveiro aprobou a semana pasada os seus Orzamentos, sen ningún voto en contra, e Galicia xa ten en marcha os Orzamentos de 2026, que se todo vai ben entrarán en vigor por décimo sétimo ano consecutivo en tempo e forma”, explicou incidindo en que “algo que debería ser o normal estase convertendo en excepcional nun bo número de administracións encabezadas por PSOE e BNG”.
Paula Prado fixo estas declaracións esta mañá durante a visita que realizou a Viveiro xunto á presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, a deputada nacional Cristina Abades, o senador José Manuel Balseiro, deputados autonómicos e concelleiros populares, que foron recibidos pola alcaldesa Mariña Gueimunde. Sobre esta última precisamente destacou que é unha das 30 alcaldesas que fan do PPdeG o partido con máis mulleres rexedoras de Galicia.
“Nos cinco meses que vai cumprir sendo alcaldesa xa se converteu nunha referente da Mariña lucense”, engadiu ao tempo que enxalzaba a Gueimunde como “unha muller valente, con ganas de cambiar as cousas, que defende aos seus veciños e que é un gran exemplo para todas as mulleres que traballan en política”.
Para a número dous dos populares galegos, tanto a rexedora viveirense como o resto de alcaldes e alcaldesas que “tinguen de azul máis da metade dos concellos de Galicia” son a constatación de que “fronte aos pactos de perdedores de PSOE e BNG, a gran maioría dos concellos con estabilidade e xestión, sen sobresaltos nin liortas, son os liderados polo PPdeG”.
ELENA CANDIA: “NON TODOS SOMOS IGUAIS”
A presidenta provincial do PP de Lugo quixo afondar tamén nesta idea, asegurando pola súa banda que o proxecto dos populares márcase como obxectivo “liderar as institucións para traballar por todos coa templanza e a serenidade que precisan os grandes cambios co compromiso e coas ganas que representan alcaldes e alcaldesas como Mariña Gueimunde”.
Elena Candia amosouse convencida de que “a forza, a responsabilidade e o acerto constituirán a liña de traballo” da alcaldesa de Viveiro e, á súa vez, reflexan que “non todos somos iguais”. Algo que os veciños deste concello, ao igual que os do resto de concellos da provincia, saben ben da man do PSOE e do BNG.
“Hoxe reivindicamos a política de compromiso e de feitos do PPdeG fronte aos pactos en despachos e as promesas incumpridas do PSOE e fronte a un BNG centrado en todo menos en traballar para todos”, concluíu.
O CAMIÑO DO QUE VIVEIRO “NUNCA DEBEU PERDERSE”
A alcaldesa aproveitou a visita para facer un chamamento á unidade e ao traballo colectivo para “volver ao camiño do que Viveiro nunca debeu perderse” e “deixar de lado o partidismo e pensar en que neste concello hai veciños e veciñas que precisan de apoio e de investimentos”.
Referiuse así tanto á Deputación de Lugo como ao Goberno central, que, en contraposición á aposta do Goberno de Alfonso Rueda, acumulan anos de desleixo con este concello. “Necesitamos que, ao igual que temos o apoio do PPdeG e do PP de Lugo, poidamos contar co respaldo de todas as administracións para que Viveiro volva ter o que lle corresponde e merece”, concluíu neste sentido.