A Xunta de Portavoces aprobou esta mañá a convocatoria dun Pleno extraordinario do Parlamento de Galicia para o vindeiro luns, 4 de agosto, no que se procederá á aprobación do teito de gasto non financeiro dos orzamentos xerais da Xunta para o vindeiro 2026. “O que aquí é unha normalidade e a plena demostración da estabilidade política da que felizmente gozamos os galegos, non ten comparación algunha coa situación que se vive a nivel do Estado, onde temos un Goberno en mans dos independentistas cataláns e vascos que está gobernando con orzamentos da pasada lexislatura e, polo que estamos vendo nos últimos días, sen visos de poder sacar adiante unhas contas para o ano 2026”, sinalou a viceportavoz do Grupo Popular, Cristina Sanz.
A aprobación do teito de gasto dos orzamentos da Xunta para 2026 “será o primeiro paso para que Galicia volva contar, un ano máis, e xa van 17 consecutivos, con presuposto en tempo e forma, de xeito que o Goberno galego poida continuar co seu proxecto político, respaldado por unhas costas que xa estarán plenamente operativas desde o 1 de xaneiro de 2026”, salientou Cristina Sanz.
ORZAMENTOS SENSATOS E CON PROXECTO POLÍTICO
“Fronte a esta situación de estabilidade e bo facer dun Goberno galego capaz de poñer enriba da mesa uns orzamentos sensatos e que sustentan o seu proxecto político, temos ao Goberno de España que, por moito que se empeñe Pedro Sánchez en anunciar, como fixo o pasado luns, que ten previsto presentar uns orzamentos, é patente que non conta con garantía algunha de poder aprobalos e poñelos en práctica”, sinalou.
Neste sentido, apuntou que “a mellor mostra desta falta de apoios políticos para sacar adiante as contas é que xa evitan confirmar que os levarán ao Congreso, nunha mostra máis da máxima que defende Pedro Sánchez: gobernar sen o Congreso e limitándose á aprobación de decretos-lei, co único obxectivo de manterse no poder e aguantar como poida ata o remate da lexislatura”.
“O preocupante desta situación que padecemos a nivel nacional é que estamos en mans dun goberno sen proxecto político, máis preocupado por tapar os casos de corrupción que, un día tras outro, lle xorden por todos os lados e que afectan directamente ao Presidente Sánchez, á súa familia, ao seu Goberno e aos máximos responsables do Partido Socialista”, lamentou a viceportavoz popular.