O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Goberno de España que tome medidas para impedir que o consumo do peixe siga en caída histórica, adoptando iniciativas de tipo económico como a rebaixa do IVE ou outras medidas análogas que permitan incentivar a compra destes produtos. Así mesmo, pídese a realización de campañas de fomento do consumo entre a xente moza, escolares e familias en xeral para contribuír a frear esta tendencia na redución do consumo tan prexudicial para o sector.
O deputado popular Raúl Santamaría lembrou que un estudo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación puxo de manifesto un descenso do consumo de produtos da pesca do 2,68 por cento durante o pasado ano. No caso de Galicia, o consumo per cápita baixou ata os 22,9 quilogramos ao ano, un mínimo histórico dos últimos 25 anos.
CREACIÓN DE 5.500 EMPREGOS
“Diante desta situación, o Goberno de España non fixo nada, negándose reiteradamente a rebaixar o IVE do peixe, malia a multitude de acordos por unanimidade aprobados neste Parlamento galego”, lamentou o deputado popular, quen subliñou que estudos da Universidade de Santiago demostraron que reducir o IVE do peixe ao 5 por cento suporía un incremento de 28,5 millóns de euros no valor engadido bruto e máis de 5.500 empregos.
Pola contra, Raúl Santamaría salientou as medidas postas en marcha pola Xunta para incentivar o consumo de peixe, como a máis recente Bono Peixe. “Esta iniciativa, a través da que o Goberno galego puxo a disposición das familias galegas 2,5 millóns de euros a través dun sistema de descontos progresivos, tivo unha acollida extraordinaria e demostrou que cando se baixan as barreiras económicas, as familias responden aumentando o consumo de peixe”, indicou.