O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non foi apoiada polo PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno central que reconsidere a participación das comunidades autónomas na Conferencia Mundial sobre Políticas Culturais e Desenvolvemento Sustentable 2025 (Mondiacult), outorgándolles a posibilidade de participar activamente con dereito a voz e voto.
A portavoz de Cultura do Grupo Popular, Carmen Pomar, manifestou que esta conferencia mundial é “unha ocasión única para facer balance do que se ten logrado a escala nacional, rexional e internacional trala adopción da Declaración de Mondiacult, que veu definir un conxunto de dereitos culturais que deben estar garantidos”.
“Ante unha oportunidade de gran calado como esta, as comunidades autónomas, como posuidoras das competencias exclusivas nas principais materias culturais, deberían participar activamente, non só formulando achegas senón tamén tomando parte no proceso de toma de decisións”, sinalou Carmen Pomar.
Porén, lamentou que “o Ministerio de Cultura optou unicamente por convidas ás comunidades autónomas a participar sen voz nin voto, e unicamente de xeito indirecto a través dunha caixa de correo electrónica”.
“Os agravios do Goberno central pretenden, unha vez máis, silenciar ás comunidades autónomas impedindo, neste caso, a súa participación activa nunha conferencia mundial sobre políticas culturais que se vai celebrar, mal que lle pese aos independistas cataláns, en Barcelona”, criticou a portavoz popular, quen avanzou que Galicia estará presente coa presenza do conselleiro de Cultura e o director xeral de Cultura.