O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable do BNG, a través da que se solicita á Xunta de Galicia que siga reforzando as liñas de actuación dirixidas a favorecer o desenvolvemento educativo e persoal do alumnado de etnia xitana, promovendo a súa inclusión e loitando contra os prexuízos e estereotipos que aínda poidan existir.
O deputado popular Raúl Santamaría salientou que “Galicia deu pasos firmes, recoñecidos por entidades e pola propia comunidade educativa na inclusión do alumnado de etnia xitana, e queremos que esa senda se consolide e reforce”.
VANGARDA EN INCLUSIÓN
Neste sentido, lembrou a posta en marcha pola Xunta da Estratexia de Inclusión Educativa 2030, “que marca un modelo educativo inclusivo, equitativo e de calidade, e que inclúe iniciativas pioneiras como o proxecto piloto Impulso Mentor dirixido especificamente ao alumnado de etnia xitana”.
“Galicia debe continuar sen vangarda en inclusión, de xeito que ningunha alumna nin alumno quede atrás por cuestións de etnia, orixe ou condición social”, incidiu o deputado popular, quen recordou que “o noso sistema educativo é recoñecido pola súa calidade, pero queremos que tamén o sexa pola súa humanidade e pola súa capacidade de integrar a todos”.