O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, cos votos favorables do Grupo Popular e do BNG, pero que non contou co apoio do PSdeG, unha proposición non de lei a través da que se demanda ao Goberno de España que inicie negociacións urxentes coa empresa Ryanair para que desista das medias anunciadas e elimine o ERE proposto, mantendo o seu nivel de operacións actual nos aeroportos de Santiago de Compostela e Vigo.
O deputado popular Gonzalo Trenor lembrou que “a competencia do transporte aéreo é do Estado, do mesmo xeito que os aeroportos de interese xeral e a súa regulación”, polo que demandou “ao Goberno central e a AENA que tomen en serio as súas competencias en lugar de tentar derivar responsabilidades ás comunidades autónomas e aos concellos”.
COORDINACIÓN
“A Xunta leva moito tempo insistindo na necesidade de coordinar de forma conxunta a planificación de rutas dos tres aeroportos galegos, para o que trasladou reiteradamente ao Goberno central a necesidade de adoptar medidas para garantir a viabilidade e a competitividade dos aeroportos galegos, tanto en conta o impacto do AVE”, sinalou o deputado popular.
Neste sentido, Trenor manifestou que “o Goberno de España e AENA non poden entrar nunha batalla estéril cunha aeroliña 100 por cento privada”, e avogou porque Ryanair e AENA “solucionen canto antes un conflito económico no que teñen como reféns aos galegos e ás persoas que queren visitar Galicia”.