A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta investiu nos últimos anos máis de 4,5 millóns de euros no Hospital de Monforte, que se traduciron na renovación de áreas fundamentais en apoio da saúde dos veciños desta comarca. Neste sentido, lembrou que “os técnicos da Consellería están a traballar nun ambicioso proxecto de remodelación integral deste hospital, que suporá actuar en máis de 11.000 metros cadrados cun investimento estimado de 30 millóns de euros”.
Encarna Amigo afirmou que o Hospital Comarcal de Monforte “é un centro sanitario de referencia para todo o sur da provincia de Lugo, con atención garantida en todas as áreas e cun compromiso permanente da Xunta coa súa mellora”.
En concreto, referiuse aos novos servizos incorporados neste hospital nos últimos anos, como o novo hospital de día oncohematolóxico, que permite atender a pacientes oncolóxicos sen desprazarse a Lugo; a mellora da farmacia hospitalaria; o novo laboratorio de microbioloxía; ou as áreas de cardioloxía, pneumoloxía e dixestivo, con obras xa rematadas ou adxudicadas por máis dun millón de euros. Tamén se ampliou a carteira asistencial con especialidades novas, como oncoloxía, alergoloxía ou hospitalización a domicilio.
ESPERA POR BAIXO DA MEDIA
Respecto da falta de profesionais, Encarna Amigo incidiu que “este problema non é exclusivo de Galicia, senón de todo o sistema nacional de saúde, ao que Galicia está poñendo solucións enriba da mesa”. En concreto, citou a lei galega aprobada, co voto en contra do BNG, para cubrir as prazas de difícil cobertura por concurso de méritos, a través da que tomaron posesión 17 novos especialistas no Hospital de Monforte.
A portavoz popular criticou ao BNG por “faltar á verdade falando de longas esperas no Hospital de Monforte” e, tomando como referencia os últimos datos do Ministerio de Sanidade publicados no mes de xuño, salientou que a espera media cirúrxica neste centro é de 35,9 días, 31 días menos que a media galega e 90 días menos que a media nacional; que a espera media en consultas externas é de 70 días, 35 días menos que a media de España; ou que a realización de probas diagnósticas faise con esperas por baixo da media galega en case todos os casos.
“Estas cifras do Ministerio colocan a Galicia como a cuarta comunidade con menores tempos de espera sanitaria de toda España, e a Monforte como un dos hospitais comarcais con mellor rendemento”, subliñou.