O PPdeG lamentou hoxe a aprobación da prórroga número 60, desde que Pedro Sánchez chegou á Moncloa, ao prazo de presentación de emendas á proposición de lei orgánica relativa á transferencia da AP-9 a Galicia.
Despois de que a semana pasada a Mesa do Congreso pechara o prazo das emendas á totalidade, esta mañá decidiu non pechar o prazo das emendas ao articulado, adiando a lo menos unha semana máis esa decisión.
En total, xa van 45 aprazamentos nesta lexislatura, que sumados aos 15 da anterior suman os mencionados 60. Así, son xa case seis anos de bloqueo desde que en decembro de 2019 dera inicio a tramitación desta proposición na Cámara Baixa.
Cómpre lembrar que semana pasada, o deputado do BNG dicía confiar dun xeito “claramente triunfalista” en que esta semana se pechara o prazo de emendas ao articulado, pero “tal cousa non ocorreu” e “o independentismo galego foi enganado unha vez máis polo Goberno de Sánchez”, denunciou hoxe, en declaracións remitidas aos medios, o deputado galego do PPdeG e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado.
“Isto acredita que a manifestacións triunfalistas e absolutamente sen fundamento non conducen a nada”, engadiu.
Segundo Delgado, é “imprescindible” pechar xa o prazo de presentación de emendas ao articulado, porque esa “é a única maneira que temos de que esta iniciativa pase a comisión, poida debaterse e poida aprobarse”.
“Todo o demais, manifestacións e conivencias entre o Goberno de Sánchez e o BNG, simplemente para aparentar que as cousas se moven, non conducen a nada. Desde o PPdeG seguiremos insistindo para que remate xa este adiamento inxustificado que constitúe un agravio a Galicia”, rematan os populares sobre a transferencia da autoestrada á nosa Comunidade, que foi demandada catro veces de forma unánime polo Parlamento autonómico.