O PPdeG celebra o paso adiante que deu hoxe no Congreso dos Deputados a proposición de lei orgánica para a transferencia da titularidade e competencias da autopista AP-9 a Galicia, despois da “enorme presión” e a “insistencia ata a saciedade” dos populares galegos.
Despois de 60 prórrogas —45 nesta lexislatura—, a Mesa do Congreso acordou pechar o prazo de presentación de emendas ao articulado por parte dos grupos parlamentarios, que se coñecerán mañá. En total, foron case seis anos de bloqueo desde que en decembro de 2019 dera inicio a tramitación desta proposición.
“Desde o PPdeG celebramos este avance, e queremos deixar claro que este paso foi posible grazas á enorme presión exercida desde o primeiro día polo noso partido, tanto no Congreso como noutras institucións. Insistimos ata a saciedade para que se puxera fin ao que consideramos un auténtico atropelo democrático”, expresou hoxe, en declaracións remitidas aos medios, o deputado galego do PPdeG e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado.
Delgado lamenta o tempo perdido por “un boicot orquestrado” polo Goberno de Pedro Sánchez e de Óscar Puente, coa colaboración do PSOE e Sumar e coa condescendencia do BNG. “Foi a presión exercida a que obrigou ao Excutivo central a dar este paso”, engadiu sobre a transferencia da autoestrada á nosa Comunidade, que foi demandada catro veces de forma unánime polo Parlamento autonómico.
“É imprescindible que a, partir de agora, a tramitación desta iniciativa non volva ser adiada polo Goberno de Sánchez nin polos grupos que o sustentan. É fundamental actuar con dilixencia. Desde o PPdeG manterémonos vixiantes e esixentes, ata lograr o que todos ansiamos desde o primeiro día: que a proposición de lei orgánica se tramite e que a AP-9 sexa finalmente transferida a Galicia”, rematan os populares.
O Partido Popular non emitiu ningunha emenda ao articulado, respectando o texto unánime do Parlamento de Galicia.