O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos lamentou hoxe e amosou a súa preocupación porque “tanto as decisións adoptadas polo Goberno de Pedro Sánchez como o bloqueo provocado polas decisións do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estean a paralizar o desenvolvemento dun sector eólico galego, que debería ser a punta de lanza para que os galegos gozáramos dun prezo da luz máis barato, ao tempo que empresas como Alcoa dispoñan de enerxía suficiente para levar adiante os seus proxectos, xerando emprego e riqueza para as zonas nas que se asentan e en toda Galicia”.
Alberto Pazos criticou que o Goberno central, “logo de presentar un recurso de inconstitucionalidade contra a decisión da Xunta de impulsar a repotenciación dos parques eólicos existentes en Galicia, ven agora e anuncia o pasado martes unha folla de ruta nacional para a dinamización das repotenciacións de parques eólicos en toda España, unha nova tomadura de pelo e unha fraude para todos os galegos, a non ser que veña acompañada da inmediata retirada do recurso de inconstitucionalidade presentado contra a normativa galega”.
“Galicia volveu demostrar, unha vez máis, que vai moito por diante do actual Goberno de España na adopción de medidas para o impulso do noso sector industrial e da nosa economía, pero lamentablemente estas iniciativas pioneiras se atopan a maioría das veces cos atrancos que o Goberno de Pedro Sánchez, espoleado polos socialistas galegos e os seus aliados do BNG, pon a todo o que supoña proxectos de futuro e de beneficio para todos os galegos”, sinalou o portavoz popular, quen citou casos concretos como a negativa á transferencia da AP-9 a Galicia ou deixar a toda a provincia de Lugo sen conexión eléctrica co único obxectivo de que o proxecto de Altri non sexa unha realidade..
COHERENCIA E SENTIDO COMÚN
Deste xeito, o portavoz popular demandou ao Goberno de Pedro Sánchez “un pouco de coherencia e de sentido común para rectificar e retirar de inmediato o recurso que presentou contra a repotenciación dos parques eólicos en Galicia impulsada pola Xunta, unha medida que permitirá reducir o impacto dos aeroxeradores nos montes galegos ata nun 80 por cento e incrementar, ao mesmo tempo, a xeración de enerxía eólica de orixe renovable, xa que os novos aeroxeradores son máis eficientes que os que están funcionando na actualidade”.
Alberto Pazos lamentou que o sector eólico galego “vive un momento complicado polas incansables trabas que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia está a poñer ao desenvolvemento de novos proxectos nesta comunidade autónoma, que están a conseguir que Galicia deixe de ser unha comunidade punteira no sector eólico, para verse superada polo avance que se rexistra noutras comunidades españolas, como Castela e León, Aragón, Castela-A Mancha ou, incluso, Andalucía”.
En concreto, indicou que, fronte a un mínimo incremento de pouco máis do 2 por cento na potencia instalada en Galicia desde o ano 2021 (ano no que o TSXG comezou a súa ofensiva contra o eólico galego), comunidades como Aragón incrementaron a potencia instalada no seu territorio neste tempo nun 33 por cento; Castela-A Mancha, un 22 por cento; ou Castela e León, nun 16,3 por cento. “Sen perder de vista os case 800 megavatios que se instalaron en Andalucía nos últimos catro anos, cos que case iguala a potencia instalada en Galicia neste momento, cando hai uns anos a diferenza con respecto a Galicia era moi considerable”, apuntou.
“Cando parecía que os fallos do Tribunal Supremo e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea dando a razón á tramitación dos parques eólicos levada a cabo pola Xunta abrían un halo de luz para botar abaixo catro anos de paralización do sector eólico galego a consecuencia dos recursos presentados polo TSXG, a pasada semana volveunos sorprender cunha nova volta de rosca, facendo público un novo pronunciamento no que volve insistir, por terceira vez, en que a tramitación ambiental realizada pola Xunta dun parque eólico é inválida, porque cada instalación debe tramitarse coas súas propias liñas de evacuación”, manifestou Alberto Pazos.
Neste sentido, criticou que “son ganas de enredar e de facer perder un tempo precioso a un sector practicamente paralizado polas decisións xudiciais, porque os autos dos altos tribunais españois e europeo xa validaron as tramitacións ambientais realizadas pola Xunta e incluso o propio Tribunal Supremo recoñeceu que a tramitación separada do parque eólico e da liña de evacuación está prevista na Lei eólica galega, cumprida ao dedillo polo Goberno galego xa que é a mellor forma de respectar o noso medio ambiente”.
O portavoz popular asegurou que “sempre respectamos e respectaremos as decisións xudiciais que se adopten en calquera ámbito, pero o sector eólico galego está a sufrir unha situación única non só a nivel español, senón a nivel europeo, porque o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é o único tribunal que está a bloquear por sistema os parques eólicos tramitados pola administración”.
PLAN DE TRABALLO DA COMISIÓN DE IGUALDADE
Por outra banda, Alberto Pazos informou que a Comisión non permanente de estudo para a igualdade e os dereitos das mulleres aprobou esta mañá o seu plan de traballo, que inclúe a solicitude de 38 informes e 72 comparecencias de representantes tanto da propia administración como de diferentes organizacións, entidades, empresas e universidades.
“É un plan de traballo moi ambicioso que, sen dúbida, levará a propostas importantes de cara ao avance na igualdade real, especialmente nos sectores masculinizados e das persoas que sofren discriminación múltiple, así como no que atinxe á prevención e atención ás vítimas de violencia de xénero”, dixo.
Pazos considerou “sorprendente a negativa inicial do BNG ao apoiar este plan de traballo, coa escusa de que consideraban necesario que cada grupo parlamentario incorporara un cupo de comparecentes en función do número de deputados co único obxectivo de xustificar o seu voto en contra”. “Finalmente, esta estratexia viuse abaixo cando desde o Grupo Popular aceptamos incorporar todas as comparecencias que solicitaban desde o BNG, deixando sen argumentos, unha vez máis, aos nacionalistas galegos, que se viron obrigados a apoiar finalmente o plan de traballo para non quedarse totalmente illados”, destacou.