A secretaria xeral do PPdeG e viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular, Paula Prado, puxo, hoxe, en valor a Galicia que cumpre cunha administración de xustiza eficaz, pese aos “atrancos do Goberno central” ao impor unha lei estatal sen consenso, de xeito precipitado e sen orzamento.
Así, afeou o “modus operandi” do Executivo central, ao non destinar nin un só euro ás comunidades, que son as que teñen as competencias nesta materia, por atrasar a posta a punto das ferramentas informáticas e por negarse a crear as prazas necesarias de xuíces, fiscais e letrados. Fronte a isto, remarcou que “Galicia cumpre” ao investir preto de 10M€ e poñer en marcha unha nova oficina xudicial. Nesta mesma liña, Paula Prado fixo fincapé no bo funcionamento da xustiza en Galicia. Neste senso, referiuse á redución, este ano, dun 3,5% dos asuntos pendentes en trámite, grazas ao incremento dun 4% da capacidade de resolución das unidades xudiciais.
Do mesmo xeito, a viceportavoz popular recordoulle aos independentistas galegos que as competencias en materia de planta xudicial son as fixadas pola Lei orgánica do poder xudicial, unha norma estatal, sinalou Paula Prado, que o BNG apoiou. Avogou por un incremento do número de xuíces, fiscais e letrados “porque son os que fan falta”; e lamentou a promesa incumprida do Goberno central de crear 19 prazas de xudicatura.
Ao mesmo tempo, afeou a hipocrisía do BNG, que pide respectar de forma escrupulosa a separación de poderes, cando apoia a un Goberno central que “ataca as resolucións xudiciais” e a xuíces. Segundo Paula Prado, os independentistas danlle “o ‘si’ a cambio de nada para Galicia” a un goberno acurralado pola corrupción –15 causas xudiciais, 94 investigados e 19 tipos de delito que cercan ao PSOE-.