Os deputados do Grupo Popular Paula Mouzo e Roberto Rodríguez salientaron hoxe o compromiso do Goberno galego coa mellora da atención sanitaria que reciben os veciños do distrito sanitario de Cee, que se incrementará coa dotación o vindeiro ano dun novo mamógrafo no Hospital Virxe da Xunqueira, para o que a Xunta destinará 326.000 euros que xa figuran nos orzamentos de 2026.
Acompañados de concelleiros de distintos municipios desta comarca, Paula Mouzo e Roberto Rodríguez lembraron que o Hospital de Cee xa fora o primeiro dos centros comarcais da rede sanitaria pública galega en contar, desde o mes de xuño de 2010, cun servizo permanente de mamografía dixital para a detección precoz do cancro de mama. “A dotación dun novo mamógrafo suporá un paso máis na mellora da atención sanitaria que reciben as mulleres deste distrito sanitario”, indicaron.
SEGUIMENTO ONCOLÓXICO
A dotación deste novo mamógrafo para o Hospital Virxe da Xunqueira é un paso máis na mellora das prestacións sanitarias que reciben os veciños do distrito sanitario de Cee, e súmame ao programa asistencial en oncoloxía que a Xunta porá en marcha co obxectivo de que máis da metade dos pacientes con cancro dos concellos de Camariñas, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Muxía, Vimianzo e Zas non teñan que desprazarse ata A Coruña a recibir os seus tratamentos.
Deste xeito, este novo programa permitirá a realización de consultas de seguimento aos pacientes que non estean recibindo tratamento activo e para os que o seu profesional de referencia deseñou un cronograma de probas complementarias, así como a administración e seguimento de tratamentos de baixa complexidade.